CRTVG

Buscar

Os veciños salvan unha muller dunha agresión machista en Vilaxoán

Publicado o 06/05/2019 12:56

Os veciños salvan unha muller atacada polo seu compañeiro en Vilaxoán. Un mozo entretivo o presunto agresor falando con el para que a vítima puidese escapar e outros residentes retiveron o presunto agresor na porta do edificio ata que chegou a policía. O detido declarará hoxe no xulgado de Vilagarcía.

O home chegou ao apartamento que comparte coa súa parella en Vilaxoán. Ao parecer, estaba tan bébedo que a muller non o deixou pasar. Despois de botar unha soneca na escaleira espertou e comezou a bater na porta mentres lle berraba á muller todo tipo de insultos e ameazas.
Conseguiu botar a porta da casa abaixo e, presuntamente, agrediu e amezou de morte a muller a carón dunha fiestra. Os veciños, alertados polo balbordo, acudiron ao lugar.

"Un home de corenta ou corenta e un ano estaba golpeando unha muller. Iso parecía dende abaixo. Escoitábase socorro, socorro, socorro. Eu baixei e intentei un pouco chamarlle a atención para que se fixase en min e que a muller puidera escapar. E de feito escapou. Xusto cando me increpou o home dende a fiestra foi cando ela intentou escapar e escapou. Baixou e sentou nun banco, estaba mareada, creo que golpeada, porque veu a ambulancia e veu a policía".

O presunto agresor seguiunos escaleiras abaixo, varios veciños bloquearon a porta do edificio ata que chegou a policía. O individuo opuxo unha gran resistencia á detención e tiveron que empregar a forza e botar o home ao chan para reducilo e detelo.

"Christian baixou detrás dela intentamos retelo no portal agarrando o portal para que el non puidese saír. De feito, cando veu a policía xa o reduciu no portal. Estaba moi, moi, moi prexudicado. Ou sexa, estaba moi borracho. Encarouse coa policía e non houbo máis. A policía tardou moito, neses trinta minutos que a policía tardou puido tirala, puido darlle máis golpes... E eu o único que fixen foi entretelo, nada máis. Non me peguei con el nin nada máis".

O home non deixou de berrarlles aos policías. Ao chegar ao servizo de Urxencias do centro de saúde de Vilagarcía negouse a ser atendido por unha médica e mesmo a insultou. Ata no calabozo supostamente volveu ameazar de morte a súa compañeira. Ao parecer, hai uns dous meses que a parella se reconciliara. A muller sufriu feridas leves.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/05/2019