Os veciños reclaman o arranxo do paseo do río Rato en Lugo
Moreas de insectos polo aire e ratas e serpes polo chan. Os veciños da contorna do río Rato din que a maleza que cobre boa parte da leito na zona do paseo é o acubillo perfecto para toda esa fauna, que podería causar problemas sanitarios. Din que é urxente facer unha limpeza integral dos máis de tres quilómetros que ten o paseo. Unha limpeza que levan anos reclamando con escaso éxito.
Ademais da maleza e dos animais, as queixas céntranse na deterioración do mobiliario urbano, das pontes para cruzar o río e do mal estado dos sinais informativos. Ao paseo do Rato acoden diariamente centos de lugueses e por iso a asociación reclama que se interveña en todos eses elementos para evitar riscos. Outro problema é que a falta de limpeza provoca o rebordamento do río malia estar canalizado.
No paseo do Rato hai tamén un restaurante, os hortos urbanos e un posto da Cruz Vermella, polo que, aseguran, o arranxo se fai aínda máis necesario.