CRTVG

Buscar

Os veciños mobilízanse contra a ocupación ilegal dunha vivenda ruinosa en Oleiros

Publicado o 29/06/2020 14:28

Cinco persoas ocupan un inmoble deshabitado en Perillo, no concello coruñés de Oleiros, desde o pasado venres. Son unha parella con dous menores e outro adulto máis que, ao parecer, descargaron utensilios dentro e activaron a electricidade e a auga corrente.

Veciños da zona avisaron os donos, que teñen a casa á venda e que xa presentaron denuncia na Garda Civil. Unha das propietarias asegura que cando intentaron falar cos ocupantes ilegais recibiron ameazas como resposta. Ademais, advirte de que a casa non está en condicións de ser habitada.

Nuria Fernández admite que "é moi complicado manter unha casa grande como esta nestes tempos" e, aínda que asegura que "ten seguro e o pagamento da contribución está ao día, non é seguro que estean dentro os menores".

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, condena a ocupación ilegal desta propiedade privada e confirma que o inmoble está ruinoso, polo que aconsella os propietarios deste tipo de edificacións que realicen as melloras necesarias ou as boten abaixo para evitar problemas coma este.

Os veciños da zona convocaron unha concentración este serán para amosar o seu rexeitamento á ocupación.

Noticias web

29/06/2020