Os veciños dunha rúa da Coruña protestan pola esterqueira que deixa unha colonia de pombas
Picadas nas xanelas, corrosión da pintura dos coches polos excrementos e lixo nas rúas. É o que sofren cada día os residentes dunha rúa da Coruña por culpa dunha colonia de pombas. Os veciños denuncian a insalubridade que provocan e pídenlle ao Concello que o solucione canto antes.
Aquí non se libran nin os coches. Os veciños da rúa Julio Rodríguez Yordi din que a colonia de pombas que teñen son un foco de infección e insalubridade.
Denuncian as condicións nas que ven obrigados a vivir. Unhas vinte familias atópanse afectadas polo problema que se está estendendo por outros puntos da rúa. Outro inmoble que fai esquina sufría o mesmo inconveniente, pero selaron os ocos da parte superior do baixo de xeito provisional para evitar que fagan os seus niños.
"Fíxese como está todo iso. Veñen, póusanse aí e fan todo o que teñen que facer. Antes era aquí en fronte. Aí taparon e acabouse. E agora están aquí na esquina tamén. Así que xa ve o que hai", dinnos na rúa. "Non podes nin entrar sequera. É horroroso, aniñan enriba das persianas e isto é un desastre terrible. E o Concello que pasa, vén unha vez cada.... a fregar pero enriba non chegan".
Os veciños din levar anos sufrindo este problema e este novembro o Concello enviou un técnico para avaliar a situación e aseguran que o que fan é mandar o servizo de limpeza para lavar con auga as beirarrúas.
Os residentes quéixanse do silencio administrativo mentres van sumando danos, como a oxidación do aluminio das xanelas pola continua limpeza e a imposibilidade de ventilar os cuartos porque entran os paxaros.