Denuncian a proliferación de vivendas ocupadas de xeito ilegal no barrio coruñés dos Mallos
A veciñanza do barrio dos Mallos, na Coruña, denuncia a proliferación de vivendas ocupadas de xeito ilegal na zona. Algunhas das persoas afectadas falan dun empeoramento da situación nos últimos meses "do 200 por cento".
Alberto Pastoriza, dono dunha peixería, é un dos veciños afectados directamente pola ocupación de baixos comerciais. Hai pouco intentaron entrarlle nun local onde garda mercadoría. "Unha clienta miña avisoume de que estaban intentando cambiar a pechadura", relata.
Segundo a plataforma veciñal dos Mallos, hai tres locais ocupados e seis edificios enteiros na mesma situación. "Ademais doutras vivendas que están de incógnito, pero sabemos cales son os puntos neurálxicos", asegura Pastoriza.
Denuncian tamén os problemas de inseguridade cidadá. Din que aumentaron os furtos e tamén o tráfico de drogas. A plataforma convocou unha concentración de protesta esta tarde no parque de Vioño para demandar unha maior presenza da Policía de proximidade no barrio.