CRTVG

Buscar

Os veciños de Vimianzo acollen con resignación as novas restricións

Publicado o 31/10/2020 14:52

O principal foco de coronavirus en Vimianzo comezaba no seu centro de saúde, onde gran parte do persoal deu positivo. Estes días facíase un cribado masivo entre a veciñanza.
A evolución dos contaxios, con 59 positivos por PCR nos últimos 14 días, levaba onte a Xunta a pechar perimetralmente este concello, limitando así a entrada e saída de persoas, salvo por causas xustificadas por motivos laborais, educativos, médicos...
As reunións en espazos públicos e privados tamén quedou limitada só a grupos de coviventes. Estas medidas xa son efectivas desde as tres da tarde de onte. E serán obxecto de avaliación continua para adecualas á situación epidemiolóxica. Segundo o DOGA serán revisadas nun período máximo de sete días.
Esta situación facía que esta mañá houbese moi pouco movemento polas rúas... Os veciños acollen estas medidas con resignación.
Vimianzo entra ademais ás doce desta noite en nivel 3, o que supón novas restricións específicas que afectan ao grao de ocupación en celebracións civís e relixiosas, actividades académicas, deportivas, culturais e na hostalería... tal e como publicou este sábado o Diario Oficial de Galicia.
Entre as medidas, os restaurantes non poderán superar o 50 por cento da súa capacidade na zona do comedor. Nos bares e cafeterías non se poderá consumir no interior do local e as terrazas ao aire libre limitarán a súa capacidade ao 50 por cento. Unha situación que complica aínda máis a subsistencia do sector.
Desde a alcaldía mandan unha mensaxe de ánimo e de responsabilidade aos seus veciños para o cumprimento das normas.


 

Noticias web

31/10/2020