CRTVG

Buscar

Os veciños de Taragoña gárdanlle o anonimato aos gañadores da lotaría de Reis

Publicado o 07/01/2020 14:56

Os clientes habituais pasaban esta mañá pola administración de lotería número 1 de Rianxo, situada en Taragoña, ademais dos que viñan felicitalos por repartir dez décimos do Gordo do Neno, nada menos que dous millóns de euros, presumiblemente entre os veciños. Veciñanza e administración que xa en 2003 se viran agraciadas co Gordo de Nadal.

"Pasa xente moi agradecida e moi contenta aínda que non lle tocou que nos vén felicitar. A verdade é que estamos moi contentos de entregar este premio", di Verónica García, empregada da administración de lotaría nº 1 de Rianxo.

Tamén se achegaron moitos que querían comprobar os seus décimos, non fora ser, os que selaron o bonoloto como calquera outro día e os que viñan cobrar o belisquiño dalgún reintegro.

Das e dos afortunados pouco se sabe ou, polo menos, pouco se comenta. Verónica si os coñece porque foi ela quen repartiu a sorte nalgún caso.

"Dáme o que queiras, collín un e deillo e dixen oxalá tiveses sorte; din moitos, oxalá tivésemos máis e repartísemos máis, tivemos un billete e repartímolo íntegro. Son todos veciños da zona".

Non solta palabra das identidades, pero está moi contenta porque asegura que algún dos premios é moi merecido e a fortuna, desta vez, foi máis que azar, xustiza.

 

Noticias web

07/01/2020