CRTVG

Buscar

Os veciños de Santa María de Ardaña din que moitos coches pasan con exceso de velocidade

Publicado o 18/06/2019 14:17

Santa María de Ardaña está a tres quilómétros de Carballo pola estrada que enlaza con Santiago.A veciñanza reside a ambos lados da vía, onde estes días interceptaron un coche circulando a 157 km por hora. É un tramo de 50. Os veciños con casa cara á estrada coinden en dicir que, a pesar da sinalización e dos controis de velocidade, é frecuente ver coches a moita máis velocidade da establecida nesta zona.

Clarisa di que nin pola beiravía andan con tranquilidade: "Hai coches que van moi de présa, como voando. Pon respecto ao ver que chegan a aquela curva con esa velocidade. Van rápido, rápido... moi moi de présa". "Que puidésemos saír pola beiravía con tranquilidade, porque isto é unha intranquilidade, pon medo".

Pepe lembra que os controis axudaron a reducir a velocidade pola zona, pero aínda así hai quen se pasa sen ter en conta o risco que iso significa: "Home, un perigo claro que supón. Antes de poñer os sinais de 50 e de arranxar a estrada xa houbo mortes. Un coche matou aquí unha persoa xa hai tempo e máis aí diante. Aquí morreron dous, hai tempo. Matounos un coche".

Carmen é usuaria do autobús e di que cada vez que ten que atravesar o paso de peón agarda a que non se vexan coches dun lado nin do outro. Preguntamos que lle parece o que ía 157 por hora: "Unha tolería, o que vai pola estrada, pobre del.
-Utiliza moito este paso de peóns?
-Si, pero non paran. Os coches aquí a min no me paran cando paso".

Moi preto do paso de peóns foi onde interceptaron o coche que ía 157 por hora. O seu chofer, un carballés de 45 anos de idade e reincidente por feitos similares, está acusado dun delito contra a seguridade viaria.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019