Os veciños de Ourense responden con retranca tras o boicot de Jane Fonda ao consumo de polbo
As polémicas declaracións de Jane Fonda contra o consumo de polbo están incendiando as redes sociais. A famosa actriz estadounidense animou a boicotear os restaurantes que serven polbo, por tratarse de animais, dixo, sensibles e tremendamente intelixentes. As súas palabras non pasaron inadvertidas en Ourense.
Precisamente hoxe é día de feira en Ourense, e o polbo é o principal reclamo. Achegámonos para comprobar que impacto tiveron as palabras de Jane Fonda tanto entre os consumidores como entre as polbeiras.
Os primeiros, nin se inmutan. Están totalmente de acordo en seguir consumindo polbo. As polbeiras, pola súa parte, non teñen moito interese en que os estadounidenses se afeccionen ao polbo porque así, din, hai máis para nós.
Nas redes sociais, o comentario correu como a pólvora, especialmente en Galicia, onde tirando de retranca chegan a propoñer a Jane Fonda como pregoeira da Festa do Polbo.
A intelixencia do polbo, así como a súa capacidade para soñar e sentir emocións ten sido obxecto de debate en máis dunha ocasión, desde o famoso Paul, que anticipaba os resultados deportivos, ao oscarizado documental de Netflix.