CRTVG

Buscar

Os veciños de Navia, en Vigo, quéixanse polos atascos de tráfico que provocan os vehículos pesados na zona

Publicado o 16/07/2019 14:30

Por esta estreita vía entre as parroquias de Navia e Alcabre varios camións ao día vense obrigados a deter a circulación para acceder a unha empresa auxiliar de automoción. Non teñen outra alternativa e os veciños da zona comezan a estar fartos de que a rúa pola que circulan para saír das súas casas estea en diferentes momentos do día atascada porque dous tráilers se crucen. É aí onde comeza unha odisea de manobras.

A paralización do tráfico non é a única dificultade coa que se atopan. As 40 toneladas de peso dos camións e as altas velocidades, a pesar dos sinais que marcan o límite a 30 km por hora, fan que as vivendas padezan fendas nas fachadas e tamén nos interiores.

Os veciños teñen moi claras as posibles solucións: facer que esta rúa San Paio sexa unha vía dun só sentido ou converter este terreo público da zona nun acceso directo á nave desde a avenida Europa, que facilitaría o tránsito dos camións.

Desde hai meses, o conxunto dos veciños afectados presentaron sinaturas no Rexistro Xeral e mesmo a Policía Local acudiu nalgunha ocasión, pero aínda que nun primeiro momento se lles deu unha resposta, a solución ao problema, din, non a teñen, polo que eles mesmos decidiron colocar unha pancarta no inicio da rúa indicando a prohibición de circular camións de gran tonelaxe.

Noticias web

16/07/2019