CRTVG

Buscar

Os veciños de Marrozos, en Santiago, organízanse contra a instalación dun vertedoiro

Publicado o 24/08/2020 14:29

Veciños de Marrozos, unha parroquia da zona rural de Santiago, mobilízanse contra a construción dun vertedoiro de residuos. A zona elixida é un espazo de protección agropecuaria con vivendas arredor. Os residentes opinan que unha planta desas características debería instalarse nun polígono industrial.

O terreo no que hai hoxe unha plantación de millo é o espazo escollido para levantar unha planta de tratamento de residuos. Está na parroquia de Marrozos, na zona rural de Santiago, e os veciños xa se xuntaron para parar unha instalación que, segundo o proxecto, almacenará refugallos de construción, de vehículos, deterxentes, medicamentos, pilas ou augas residuais. 

"O plan de residuos da Xunta de Galicia establece que a capacidade instalada para a xestión deste tipo de residuos é nun 80% superior á demanda realmente existente. Polo tanto, en ningún caso é unha necesidade", asegura Daniel González. 

No lugar hai un par de edificacións do século XVIII e viven arredor de cincuenta veciños. Algúns como Gonzalo levan toda a vida aquí e os dous fillos que ten xa naceron na aldea. 

"A situación que nos vai xerar é non poder saír fóra", asegura Gonzalo. "Estes nenos que levan toda a súa vida aquí, non poderían andar por fóra porque habería moito po, moito ruído. Máis ben é unha cousa de saúde que polo valor económico que tamén prexudicaría os demais veciños".

Están seguros de que a planta de tratamento de residuos produciría un impacto brutal na contorna e minguaría o valor das súas propiedades.  

"Parécenos moi inxusto que agora se permita facer unha industria. Non é a localización máis lóxica. Para iso están os polígonos e hainos moi preto e baleiros", di Gonzalo. 

"Non se concibe que se empreguen cartos públicos en construír polígonos industriais e haxa que gastar máis en mantelos aínda que estean baleiros porque a lexislación permite a instalación de industrias en zonas coma esta", coméntanos Daniel. 

Organizáronse para presentar alegacións ante o Concello e a Xunta e disque contan co apoio de todos os grupos políticos do Concello de Santiago. O que máis lles doe é que o promotor do vertedoiro sexa un conveciño.

Noticias web

24/08/2020