CRTVG

Buscar

Os veciños de Entrimo entréganse a axudar a familia vítima dun incendio

Publicado o 21/01/2020 14:23

Cinco días despois de quedaren sen casa por un incendio, unha familia do concello ourensán de Entrimo está xa co traslado a unha nova vivenda. A solidariedade dos veciños, que xuntaron desde colchóns a mobles de salón, fíxolles máis levadeiro o trauma de perderen o seu fogar.

A roupa, recentemente lavada para lle quitar o cheiro a fume, pendura xa a carón da nova vivenda de Chelo, Francisco e as súas dúas nenas pequenas. Mentes elas van á escola, os pais constrúen un novo fogar.

"É que, con dúas nenas, como facemos. Temos que mirar por elas, porque a casa quedou desfeita", di Consuelo.

Por fortuna para eles, non están sós. Teñen unha lexión de asistentes. A tenda de mobles doou a mesa do comedor coas súas cadeiras; a casa rural, camas, e os veciños colchóns, roupa, comida... Chegou un punto en que teñen que facer inventario para establecer prioridades.

A asociación de mulleres rurais, en colaboración co Concello, coordina o traballo.

Luz Marina Rodríguez, membro da asociación de mulleres rurais: "Hoxe é moi fácil comunicarse polas redes. O grupo empezou a mobilizarse, toda a xente entregada para ver que necesitan: roupa, comida, onde metelos... O que fixera falta".

A vivenda púxoa o Concello. Unha das antigas casas dos mestres, en estado bastante precario porque levaba anos sen habitar.

Amadeo Rodríguez Torres, responsable de Protección Civil: "Con eles, e xente que axuda, pintouse, estase acabando de pintar, e arranxala un pouco porque estaba bastante deteriorada, pero para darlles un teito".

O obxectivo é que sexa un fogar provisional, mentres reparan a casa incendiada.

Consuelo Fariño, dona da vivenda incendiada: "Oxalá que se poida, eu creo que, con todos os veciños que nos axudaron, si que se poderá. Porque aquí a xente é moi boa. Todo o mundo nos axudou".

Para axudalos na reconstrución da súa casa, as mulleres rurais abriron xa unha conta bancaria en Abanca, onde reciben doazóns para esta familia que quedou sen nada.

Noticias web

21/01/2020