Os veciños de Covas, en Ferrol, piden máis vixilancia despois dos últimos roubos
O presidente da Asociación de Veciños de Covas di que na zona se están a rexistrar asaltos nocturnos a vivendas e que isto os ten moi preocupados. Conta que os ladróns van aos cartos e o fan en casas de persoas maiores, para non encontrar resistencia.
"Levamos dúas semanas en que en varias zonas da parroquia, en varias vivendas de Covarradeiras, Aldea e Raxón se están a producir roubos, de entrada en casas. A unha persoa maior, entráronlle na casa mentres durmía. Alumáronlle cunha lanterna non ollos, obrigárona a erguerse e ao final, para levarlle doce euros, que é o que tiña", di Manuel Sendón López, presidente da Asociación de Veciños de Covas.
Sendón di que a solución está nunha maior vixilancia policial. De axentes da local ou da nacional, ou de ambas. Afirma que xa non vale a vella desculpa de que non hai efectivos suficientes.
No seu defecto, algúns veciños fan tarefas de vixilancia pola súa conta.
"Son tres ou catro persoas que, antes de irse deitar, collen o coche e dan unhas voltas polas pistas e outros que madrugan, antes de ir traballar tamén dan unha volta por aí. De momento, coordinación non hai".
Manuel Sendón, que tamén é o presidente das asociacions de veciños do rural de Ferrol, repite que a solución pasa porque a policía faga máis patrullas e non só pola estrada principal.