CRTVG

Buscar

Os veciños de Castroverde reclaman máis seguridade tras o último atropelo mortal

Publicado o 19/02/2019 13:55

Foi neste tramo da principal travesía do concello lugués de Castroverde onde morreu unha muller de 83 anos. O suceso produciuse cando a muller cruzaba por este paso de peóns e ao parecer o condutor do vehículo non a viu e acabou atropelándoa. Os veciños da zona din que o suceso se vía vir e que por desgraza non é o primeiro accidente nin será o último. Din que os coches pasan por esta recta a moita velocidade e sen respectar os pasos de peóns.

Con todo, o paso de peóns en que se produciu o accidente non é dos peores desta travesía. Uns metros máis arriba hai pasos que apenas se ven, dado que a pintura está completamente gastada. Os veciños da zona reclaman non só que se pinten ben, senón tamén outro tipo de medidas como sinalizacións luminosas ou mesmo pasos elevados que obriguen os vehículos a frear.

Os veciños din que esta estrada que une Lugo coa Fonsagrada ten moito tráfico e que se rexistran aquí moitos accidentes, polo que reclaman solucións urxentes que eviten novas desgrazas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/02/2019