CRTVG

Buscar

Os veciños de Castro de Beiro cualifican como chafallada as obras de acceso á igrexa

Publicado o 09/08/2021 13:51

O reasfaltado con formigón da pista que cruza o campo da festa no Castro de Beiro, en Ourense, provocou as queixas dos veciños desta parroquia. Denuncian o perigo e molestias que provoca. Aseguran que agora a vía, que antes estaba ao mesmo nivel que o resto do terreo, sobresae ata en 40 centímetros nalgúns puntos. 

Acaban de facer obras no camiño que leva a igrexa de Castro de Beiro. Unha zona que está afectada por Patrimonio e non se pode asfaltar. Os veciños din que a empresa que fixo a obra picou o camiño vello e botou por riba o cemento. Con isto engadiulle altura ao camiño e agora a auga anega o campo da festa. Na veciñanza din que as beiras ademais de estar mal rematadas tiveron que nivelalas con terra. Unha terra que en canto veñan as primeiras choivas do inverno marchará e non poderán cruzarse dous vehículos.

Enviaron un escrito ao Concello alertando da situación, para que revisen a obra, e tamén pediron unha reunión coa responsable da área de Infraestruturas. Por agora non recibiron resposta.

Noticias web

09/08/2021