CRTVG

Buscar

Cribado masivo en Carral ante o incremento de casos durante a última semana

Publicado o 04/04/2021 14:27

Carral, que pertence á área metropolitana da Coruña, é un dos dezasete concellos galegos en nivel medio de restricións pero o aumento de positivos nos últimos días situárono algo máis próximo ao nivel máximo.

Con menos de 6.500 veciños, en dúas semanas confirmáronse quince infectados, o que representa unha incidencia acumulada de 232 casos por 100.000 habitantes.

"Son grupos de familia e cando son grandes aumentan o número de casos. Pero estamos en nivel medio e con este cribado imos tratar de darlle unha solución", puntualiza o alcalde.

Son probas PCR. Estanse facendo no centro de saúde da localidade. Os convocados recibiron a citación por teléfono.

"Onte pola tarde chegoume un SMS do Sergas", explica un dos citados.

É o segundo cribado masivo en Carral. No primeiro fixéronse probas de antíxenos e a poboación respondera ben á chamada. 

"Eu ando por aí adiante e gústame que ma fagan para saber se estou ben ou non", subliña un dos convocados.

"O ideal era que nos vacinasen rápido, pero se non hai vacinas, facer as probas, todas as que se poida", opina outro.

Os que dean negativo recibirán unha mensaxe. Se alguén dá positivo, chamarano para que se poña en illamento e rastrexar os seus contactos.

Noticias web

04/04/2021