CRTVG

Buscar

Os veciños da Zapateira saen á rúa contra a ocupación de vivendas de luxo neste barrio coruñés

Publicado o 01/06/2020 21:28

Os veciños da Zapateira saíron a protestar á rúa. Quéixanse da recente ocupación de dous chalés na zona. No último dos casos, os okupas ata presumían de casa nas redes sociais.

A ocupación de chalés de luxo empeza a ser unha preocupación nesta zona. Algunhas son vivendas que están á venda, e por iso non teñen ninguén vivindo dentro.

Só houbo dous chalés ocupados, pero os veciños temen que este sexa o principio dunha nova moda. Temen que esta zona de vivendas de luxo atraia okupas. Non só polas impresionantes vistas que ten o lugar. Tamén pola publicidade que lle están dando os mozos que se meteron na última das casas. Por iso os veciños saíron ás oito desta tarde a protestar. Fixérono paseando, mantendo as distancias. A COVID-19 obrigounos a unha manifestación distinta das habituais, pero igual de reivindicativa.

"Isto xa é o carallo, meu. Isto é a nosa terraza privada"

Estas son as imaxes que prenderon a mecha na rúa da Zapateira. Uns okupas gábanse nas redes sociais do chalé de luxo onde están instalados.

Juan Sánchez, presidente da asociación de veciños da Zapateira: "Da casa, da ocupación, das vistas, da marabilla que é o chalé. Varios veciños recrimináronlles a súa actitude e eles ainda por riba ameazaron os veciños".

Esta é a segunda vivenda que ocupan na zona nas últimas semanas. Pero este caso indigna no barrio porque os asaltantes non son xente necesitada. Juan Sánchez, presidente da asociación de veciños da Zapateira.
"Co tema da outra vivenda xa se buscou unha solución con servizos sociais, pero isto é outro caso. Isto son uns rapaces que viñeron á Coruña de festa a pasar unhas vacacións de balde e ocuparon a mellor vivenda".

Na zona hai varias vivendas en venda. E agora os seus donos temen que outros okupas asalten tamén as súas propiedades.

A protesta deste luns pretende poñer fin a estas ocupacións na zona.

Noticias web

01/06/2020