Os veciños da Rolda de Nelle, na Coruña, denuncian a ocupación dun inmoble
Trátase dun edificio de cinco plantas, deshabitado na súa totalidade e onde os ocupantes ilegais entraron no segundo andar o pasado 10 de agosto, segundo contan os veciños. Os propietarios do inmoble contrataron os servizos dunha empresa de desocupación, que xa falou cos ocupantes e, segundo nos contan, teñen previsto desaloxar a vivenda hoxe pola tarde.
Os veciños da zona decatáronse da ocupación ao ver movemento de xente entrando e saíndo do inmoble a todas horas, polo que sospeitan que pode haber comercio de drogas, aínda que ningún deles quixo falar á cámara. Avisaron os donos do edificio, que puxeron unha denuncia ante a Policía Nacional, ao mesmo tempo que puxeron alarmas nas vivendas aínda sen ocupar a través dunha empresa especializada.
Segundo o responsable da empresa, negociaron cos okupas e chegaron a un acordo para que desaloxen o piso hoxe pola tarde. Unha marcha que tamén foi confirmada por un dos okupas do inmoble.
Estímase que no interior do piso hai unhas once persoas, e está previsto que o abandonen esta tarde.