Os veciños da Pobra do Caramiñal, molestos coas pintadas que fixeron na zona histórica
Pouca arte ven os veciños e veciñas da Pobra nos graffiti que apareceron na zona histórica a fin de semana: "Aínda se fosen murais deses, pero isto son raias", di un veciño na alameda. Outro comenta que estas pintadas son "das que ensucian" máis que decoran.
Son garabatos e firmas que fixeron o sábado de madrugada, e que causaron danos en elementos de mobiliario urbano e nas fachadas de varios edificios na zona. Un deles é unha vivenda protexida por Patrimonio por seren unha das poucas casas do pincho que quedan aquí. Acababan de rehabilitala, e tiveron que repintala para borrar a desfeita.
Aínda que deixaran asinado o traballo, non hai máis datos sobre os autores. A Policía Local tomou nota dos danos pero de momento non hai pistas, e os veciños fan as súas propias cábalas. Cren que puido ser a rapazada, malia que ás veces, din, "non son tan novos" tampouco.
Din ademais que custa cartos e traballo reparar as pegadas destes actos vandálicos.