CRTVG

Buscar

Os veciños da Louzaneta organízanse para frear a vaga de roubos

Publicado o 26/02/2019 13:31

Este foi o último dos chalés asaltados na urbanización da Louzaneta, en Lugo. Entraron roubar a fin de semana pasada, dez días despois de que desvalixaran outras dúas vivendas. Só neste mes, os veciños deste barrio sufriron tres vagas de roubos nas súas casas, polo que están moi preocupados co problema de seguridade que padecen.

"Parece ser que veñen polas tardes sondar un pouco a zona. Veñen moi rápido, esperan que saiamos, entran na casa collen rápido e marchan". "Sempre houbo algún roubo, pero é que ultimamente se están producindo con máis frecuencia do que era normal. No último mes, catro ou cinco vivendas foron asaltadas. A verdade é que estamos preocupados por isto".

Para intentar poñerlle freo a esta situación que están a padecer, os residentes na Louzaneta decidiron organizarse. Á última xuntanza, convocada a través das redes, acudiron uns 60 veciños, que acordaron estudar diversas medidas. Co fin de estaren mellor protexidos, non desbotan contratar seguridade privada ou mesmo patrullar eles mesmos as rúas do barrio.

"Xuntámonos e estamos falando de estarmos alerta entre nós. A policía vai e pasa, pero hai que estar controlando diariamente". "Dada a preocupación por tanto roubo, houbo o outro día unha xuntanza por ver de dar cunha solución e valoráronse a vixilancia conxunta ou a vixilancia privada. Facer algo para intentar reverter a situación".

De entrada, os residentes neste barrio lugués resolveron crear unha asociación veciñal, inexistente ata o de agora, para empezar a xestionar as medidas de seguridade que decidan tomar.

Noticias web

26/02/2019