CRTVG

Buscar

Os vándalos danan a fonte de San Vicente de Lugo durante unha actuación do San Froilán

Publicado o 08/10/2018 14:32

Os vándalos volvérona tomar coa fonte de San Vicente de Lugo. Durante unha actuación musical das festas do San Froilán varias persoas subiron ao monumento para bailar enriba del, o mesmo que xa tiveron que restaurar hai menos de dous anos despois de que o tirasen embaixo. Ante os continuos ataques que sofre nas noites de movida, os comerciantes da zona reclaman máis presenza policial e que se coloquen cámaras de videovixilancia.

Estas fendas na base da estatua na fonte de San Vicente de Lugo non estaban aí hai unha semana. Nas noites da fin de semana grande das festas do San Froilán os vándalos volveron usar o monumento para as súas particulares celebracións. Desta volta foron gravados polo numeroso público que se congregou na praza do Campo para escoitar as actuacións musicais de charangas que houbo nesa zona. Porén, o feito de seren gravados non os botou para atrás. Os comerciantes da zona din que nas noites de movida é habitual que a fonte sexa atacada, e por iso piden que se dea protección a un dos monumentos que consideran máis emblemáticos de Lugo e que dá fama a toda a praza.

A fonte de San Vicente ten máis de 250 anos de antigüidade. No mes de decembro de 2017 xa sufrira un ataque similar a este último e daquela caera ao chan producíndose danos irreparables no monumento orixinal, que tivo que ser restaurado. Agora as fendas que hai na base foron a máis, tanto pola acción dos vándalos como pola deterioración dos ferros que unen a estatua co perímetro da fonte. Para evitar que se provoquen máis danos, a Asociación Lugo Monumental pide que se coloquen cámaras de videovixilancia que disuadan as persoas que tenten atacar o monumento. Tamén solicitan que haxa máis presenza policial na zona nos momentos conflitivos e presentaron unha solicitude para que a fonte sexa declarada ben de interese cultural.

Os comerciantes desbotan que se coloquen valos protectores durante as noites para evitar o acceso á fonte, xa que cren que existen outros métodos máis eficaces que, por outro lado, non prexudicarían a imaxe do monumento e de toda a praza do Campo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2018