Os usuarios da AP-9 cren que se incrementará o tránsito, pero piden máis descontos
O prezo da peaxe é a principal razón para evitar a AP-9 e viaxar polas estradas convencionais, segundo din os condutores. Din tamén que cando entren en vigor os descontos, poderán usala máis. O maior atractivo, a viaxe de volta gratuíta: "Usaríase máis así, porque pagando unha soa viaxe quedaría á metade", di un usuario.
Celebran os descontos, pero algúns póñenlles un pero: "Se vas por aí por España a metade son autovías e non se pagan", di un usuario, "por exemplo, de Andalucía a Madrid é gratis, e aquí temos que pagala", engade.
Peaxes gratuítas tamén pedían as federacións de transportistas, ou, cando menos, por riba do 50 por cento de desconto.
"Sería imprescindible para reducir a contaminación e gañar en seguridade", di José Carlos García Cumplido, secretario xeral da federación de transporte Fegatramer. Explica que as peaxes da AP-9 lastran ademais as contas do sector: "A autoestrada supón un 15 ou 20 por cento do custo do transporte de mercadorías do norte ao sur de Galicia".
Di que cun vinte por cento de rebaixa non lles compensa coller a autoestrada, e que os vehículos pesados seguirán circulando polas estradas convencionais.