CRTVG

Buscar

Os usuarios comezan a gozar dos descontos na AP-9: "Se eu vou para alá e ao volver non pago, mira, estupendo"

Publicado o 29/07/2021 12:36

Circular pola autoestrada que vai da Coruña a Vigo hoxe é máis barato. Non para todos, pero si para os turismos e motos. Entre as bonificacións que se van aplicar está a volta gratis se se fai dentro das 24 horas. Unha boa nova, tendo en conta que a 1 de xaneiro deste 2021 a da AP-9 era a terceira tarifa media máis alta das autoestradas que son explotadas por empresas privadas en toda a rede estatal española.

O desconto estrela é non pagar a volta nos traxectos completados nun prazo de 24 horas. Un bo aforro para os que se moven entre cidades por traballo ou estudos. Por exemplo, ir en turismo ou moto desde Ferrol a Tui, nunha viaxe de ida e volta, custará 20,9 euros se se fai nun prazo de 24 horas, fronte aos 36,02 que se pagan agora. Afórranse 15,12 euros.

Os usuarios en xeral acollen ben a medida, malia que moitos non sabían da modificación das tarifas. "Home si é así si. Se eu vou para alá e ao volver non pago, mira, estupendo". "Paréceme unha medida interesante, xa hai moitos anos que deberíamos tela libre de peaxe, non hai que igualar territorios, en fiscalidade e cousas así". "Eu usúoa todos os días, non sei se hai desconto de ida e volta para camións, creo que non, pero todo o que sexa será bo". "Para os que traballamos está moi ben, eu son autónomo e imaxino que para os camioneiros e a xente que a usa". "E non está xa amortizada despois dos anos que levamos pagando, cos impostos que pagamos nos automóbiles e o prezo do combustible que temos aquí, isto non ten pés nin cabeza".

Tamén hai unha rebaixa do 20 % do pago en todos os percorridos realizados nun mes, para aqueles vehículos que realicen máis de vinte viaxes. Tamén se contempla unha bonificación adicional do 50 % do percorrido de ida no tramo Vigo-Tui. Os vehículos pesados terán un desconto do 20 % do importe da peaxe en todos os percorridos e será gratis no acceso desde Redondela.

Noticias web

29/07/2021