CRTVG

Buscar

Os turistas españois enchen os hoteis galegos este verán

Publicado o 25/08/2021 14:02

Máis de 420.000 turistas españois hospedáronse en hoteis galegos o pasado xullo. A cifra supera a do ano 2019. Foi un dos mellores meses de xullo en dúas décadas, en canto a visitantes nacionais. E todo indica que agosto rematará tamén con cifras de récord. 

José Antonio Liñares, hotel Costa Vella de Santiago: "Estanse superando todas as previsións, mesmo é necesaria máis oferta nestes momentos puntuais. Veremos que pasa no mes de setembro, pero non nos podemos queixar do que está a pasar neste mes de agosto fantástico".

Esa boa ocupación nos hoteis aínda non repercute nos negocios de restauración, obrigados a cumprir coas limitacións impostas pola pandemia.

Avelino Martínez, restaurante O Dezaseis: "A verdade é que hai moita clientela, pero seguimos traballando ao 50 %, sen servizo de barra, co cal o número de turistas que se pode apreciar en Santiago non se reflicte no número de comidas que damos".

A pesar das boas cifras de ocupación, o sector aínda non recuperou os prezos anteriores á pandemia. E hai incerteza do que pode pasar a partir do mes de setembro.

"Espero que a primeira quincena de setembro siga sendo boa. A partir de aí, vivimos na incerteza xa que Santiago depende neses meses do turista internacional que neste momento non hai", explica Martínez. 

"Meses moi importantes como setembro e outubro pola actividade académica, cultural, de eventos, temos a dúbida de se poderemos soster os equipos de traballo ou teremos que volver aos ERTE", comenta Liñares. 

Polo momento, para visitar un emblema do turismo compostelán como o Pórtico da Gloria hai que agardar ata a segunda semana de setembro. E tamén hai que esperar ao mes que vén para viaxar ás illas Cíes ou a Ons.

 

Noticias web

25/08/2021