Os turistas aproveitan o bo tempo deste Nadal para visitar a praia das Catedrais
Unhas 600.000 persoas de medio cento de países visitaron en 2018 a praia das Catedrais, segundo datos das oficinas de turismo de Ribadeo. A vila mariñá sitúase así entre os principais destinos turísticos de Galicia.
No ano que acaba de rematar visitaron a praia das Catedrais unhas 600.000 persoas. Delas, unha quinta parte, 120.000, foron atendidas nas dúas oficinas de turismo de Ribadeo, unha localizada ao pé do areal e a outra no centro da vila. Grazas a esta cifra récord, este concello mariñao sitúase entre os principais destinos turísticos do país.
"Paréceme normal. Eu creo que da Mariña isto é o do máis bonito que hai. Está agora moi ben comunicado. Nós viñemos pasar o día dende Oviedo e chegamos nunha hora e media. 600.000 paréceme unha cifra bastante boa". "É moi bonito. Non vira nunca nada igual. Recoméndolle a todo o mundo que veña velo." "Nós vimos de Valencia, onde é moi raro ver praias así. Como a marea é estable, sempre ves o mesmo. Neste caso, podes ver o que había debaixo da auga. É moi bonito". "Aproveitamos de camiño a Asturias para parar e sacar unhas fotiños".
Segundo datos das oficinas de turismo de Ribadeo, en 2018 chegaron ás Catedrais viaxeiros de medio cento de países. Ademais de españois, visitaron o areal sobre todo franceses, alemáns, italianos e estadounidenses.
"Paramos para vela e a verdade é que é moi bonita. É digno de ver. Xa a vira pola tele, pero en persoa aínda non a vira. Gustounos. Dicímoslle á xente que pare para lle facer unha visita e coñecela". "A verdade é que é precioso. É a primeira vez que veño aquí e vexo que a beleza deste lugar é sorprendente". "Xa que temos este tesouro, debemos intentar conservalo da mellor da maneiras que poidamos".
Ademais de aumentaren, as visitas ás Catedrais tamén se están a desestacionalizar. A terceira parte dos turistas rexistrados acudiron ao areal en temporada baixa.