CRTVG

Buscar

Todos os turismos da UE deberán ter un límite de velocidade a partir de 2022

Publicado o 15/04/2019 17:06

Dentro de tres anos, todos os turismos ou furgonetas que se vendan na Unión Europea deberán estar dotados deste sistema de seguridade. A través de cámaras e dun GPS, este asistente da condución adaptará a velocidade do vehículo ao que marquen os sinais de tráfico. O Parlamento Europeo ratificará este martes a directiva que obriga a incluír este e outros nove equipamentos de seguridade nos coches.

Coches intelixentes para evitar accidentes onde o fallo ou imprudencia humana é a causa do sinistro. O Parlamento Europeo quere que os coches que se fabriquen na Unión Europea a partir do ano 2022 leven, de serie, a preinstalación dun alcolímetro que iría conectado ao motor. Se o condutor bebeu alcol e dá positivo, o coche non arrancaría. A Eurocámara pide tamén que os vehículos leven unha especie de caixa negra, como levan os avións, que rexistre os datos dos accidentes. Tamén piden os europarlamentarios que os coches, automaticamente, limiten a velocidade en función do máximo establecido en cada vía. Se o condutor excede a velocidade, o pedal do acelerador empezaría a vibrar para evitar a infracción. O sistema podería ser desactivado polo usuario pero, ao apagar e arrancar o coche de novo, volvería reactivarse.

Nove de cada dez sinistros contabilizados nas estradas europeas son provocados por distraccións ao volante. Implementando as novas tecnoloxías nos vehículos, desde as institucións europeas calculan que se poderían reducir ata nun vinte por cento as mortes nas estradas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/04/2019