Os tripulantes do Karar, apresado con 4.500 quilos de cocaína, seguirán en prisión
A Audiencia Provincial en Vigo ratificou a prisión provisional para os tripulantes do buque Karar, que fora apresado no océano Atlántico con 4.500 quilos de cocaína. Mentres, parte dos detidos en terra foron postos en liberdade por falta de motivación na resolución do xulgado.
Abordo do Karar viaxaban 15 tripulantes do Nepal e Bangladesh, e un galego de Bueu. Estes homes, arrestados o 25 de abril tras o apreixamento do buque no oceáno Atlántico, recorreran a prisión.
Os seus avogados alegaron que decoñecían a carga de 4.500 quilos de cocaína que trasportaba a embarcación, pero a Audiencia Provincial rexeita este argumento, dadas as condicións nas que se facía a singradura e sen que conste que a droga estivera oculta.
Por este motivo, ratifícase a prisión provisional para eles ditada polo Xulgado de Instrución número tres de Vigo. Ademais, os maxistrados consideran que hai risco de fuga por tratarse de cidadáns estranxeiros sen arraigamento en España.
Mentres, gran parte dos detidos en terra foron postos en liberdade por falta de motivación na resolución que decretara o seu encarceramento. A Audiencia considerou que non estaban ben atados os indicios da súa implicación nas actividades delitivas deste caso.
Entre eles está o presunto líder desta rede de narcotransportistas, Juan Carlos Santórum, vilanovés de 42 anos, que se atopa en paradoiro descoñecido.
A operación levada a cabo pola Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira saldárase con 28 detencións e máis dunha vintena de rexistros na provincia de Pontevedra.