CRTVG

Buscar

Os tres gardas civís acusados de contrabando de tabaco explican como era o procedemento de embarque

Publicado o 14/01/2020 14:45

Esta mañá declararon os tres gardas civís que sentan no banco dos acusados e que no momento dos feitos que se xulgan estaban destinados no porto de Marín. Os axentes explicaron o procedemento que seguían para dar o consentimento de embarque ás mercadorías nos diferentes pesqueiros. Os tres confirmaron que, en ocasións, a carga se realizaba en buques nodriza que, supostamente, a transportaban ata as embarcacións que realmente figuraban na documentación que tiñan que supervisar os axentes.

Segundo explicaron, era unha práctica habitual no porto de Marin que realizaban de boa fe e confiando na palabra dos provisionistas e receptores da carga que sempre teñen que asinar na súa presenza que foi recibida. Ademais explicaron que esta mercadoria formaba parte do chamado 'circuíto verde', é dicir, que xa contaba co consentimento de Aduanas para ser embarcada. Un dos gardas civís acusados, o que asinou máis avituallamentos nos buques investigados, dixo que a súa actuación só responde a un "erro sen maldade".

Outro axente recoñeceu que, ás veces, por exceso de traballo, non presenciaba o momento do embarque da carga aínda que posteriomente asinaba como se estivese presente. Algúns admitiron tratar persoalmente cos empresarios que tamén sentan no banco acusados de contrabando de tabaco pero explicaron que na maior parte dos casos facíano cos condutores e comerciais das empresas provisionistas.

Segundo o Ministerio Fiscal, algúns dos barcos aos que supostamente se dirixía a mercadoría non existían ou estaban no despezamento, porén os axentes manifestaron descoñecelo xa que non recibían informacion sobre os buques que operaban no porto de Marín ou se estaban no despezamento. A vista vaise prolongar ata o venres. Entre outras, coas testemuñas de diferentes armadores e responsables de Aduanas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2020