Os trens Vigo-Madrid xa saen e chegan á estación de Urzáiz
A nova estación de Urzáiz en Vigo xa é punto de saída e de destino de todos os trens da conexión con Madrid, que xa non empregarán a estación provisional de Guixar. Os convois farán a ruta por Santiago, polo coñecido como bypass de Conxo, e non pola vía do Miño. Uns cambios que rebaixan a duración da viaxe entre cinco e sete minutos dende Vigo e uns 50 dende Pontevedra.
"Mellor, máis rápido e máis segura". "Moi ben, moi chula". "Nesta (estación) están os trens rápidos e penso que é moi cómodo". Son as opinións dalgúns usuarios.
Para outros viaxeiros o problema está en que a nova estación aínda continúa en obras. "Isto está demasiado complicado porque non ten boa sinalización. Non imaxinas canto camiñamos". "É a primeira vez que entro na estación. Ten boa pinta para o futuro, pero o acceso é horrible, non hai sinalización para entrar directamente, as obras rodean todo...". "Ten un acceso moi complicado, tiven que correr entre os coches. Non creo que sexa o mellor". Así explicaban este luns as súas impresións.
A oferta directa con Madrid inclúe dous trens de ida e dous de volta de luns a venres. Polo momento, a estación provisional de Guixar continúa funcionando para outros destinos.