CRTVG

Buscar

Os transportistas perderon 15 millóns diarios polo bloqueo de estradas en Cataluña

Publicado o 13/11/2019 21:29

Ao mediodía, Tsunami Democrátic daba por finalizados os tres días de protesta. Os dous primeiros bloquearon a fronteira da Jonquera e entre o martes e o mércores a AP-7 en Xirona. Centos de vehículos, entre eles moitos camións volveron quedar atrapados durante horas.

Os transportistas din que a parálise na fronteira lles custou 15 millóns de euros diarios aos que hai que sumar outros 100 por día polas paradas noutras vías.

"Están mercando noutros países porque a mercadoría non lles chega", conta un transportista andaluz. "A perda económica é importante pero está o tema humano, que son os condutores. Non somos animais para que nos teñan no medio da estrada sen servizos, nin un restaurante para poder comer", quéixase outro.

"Os Mossos non din nada nin fan nada, é a impunidade total", conta o xerente dunha empresa de transportes de Valencia.

Ante as críticas pola inacción da policía autonómica o presidente da Generalitat, Quim Torra, defendeu o dereito da xente a seguir protestando contra a sentenza do procés. Pouco despois de que os operarios limparan o asfalto e se reabrira a AP-7 en Xirona, os CDR convocaban novas mobilizacións. Cortaron algunhas estradas de acceso a Barcelona e como medida preventiva Renfe paralizou parte da tarde a circulación do AVE entre Xirona e Figueres.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2019