CRTVG

Buscar

Os transportistas galegos volven rexeitar a proposta de pagar por circular en autovías

Publicado o 31/08/2021 15:21

O Goberno de España busca fórmulas para financiar a conservación das vías de alta capacidade e, nese debate, está sobre a mesa a implantación de peaxes nas autovías estatais. A proposta remitírase a Bruxelas en maio, no plan de recuperación para optar aos fondos europeos, e xa suscitara o rexeitamento de usuarios e profesionais do transporte.

No sector entenden que os territorios periféricos coma o noso recibirían o maior impacto se se implantase esta medida.

"Tería un impacto máis alá do noso sector", di Alberto Vila, coordinador de Fegatrans-Apetamcor. "Impactaría na economía galega en xeral, ao estar nunha periferia respecto do ámbito español e europeo, porque suporía unha perda de competitividade determinante para as exportacións galegas", engade. 

O Ministerio busca consenso político e social para artellar un modelo de pagamento por uso das autovías. No executivo galego din que de momento non hai liñas de diálogo abertas.

"En ningunha conferencia sectorial se trasladou proposta concreta nin se abriu ningunha liña de diálogo", afirma Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas.

Na consellería rexeitan a proposta tal e como está formulada: "As alternativas de pagamento por uso de autovías afondarían na situación periférica de Galicia, e polo tanto non o podemos compartir", afirma Vázquez. 

Na proposta remitida a Bruxelas considerábase a implantación do pagamento nas autovías a partir de 2024.

Noticias web

31/08/2021