CRTVG

Buscar

Os transportistas do carbón mobilízanse para que se reactive a central de Endesa

Publicado o 10/09/2019 10:16

• Esíxenlle ao Goberno unha solución que poña fin á parálise na planta

• Inician peches nos concellos das Pontes, Ferrol e Vilalba

• Os traballadores de Alcoa San Cibrao inician mobilizacións tras baixar a empresa a produción máis dun 10 por cento

Os transportistas do carbón mobilízanse para que se reactive a actividade da central térmica de Endesa. Estas son imaxes da concentración desta tarde nas Pontes. Esíxenlle ao Goberno central unha solución que poña fin a catro meses de paralización da planta. Os transportistas tamén comezan esta noite os peches nos concellos de Ferrol, As Pontes e Vilalba como medida de presión. 

Piden que se reactive a actividade da central térmica de Endesa. A factoría leva máis de catro meses sen funcionar. A paralización débese, segundo a empresa, aos custos medioambientais. A normativa comunitaria obrígaa a pagar polo dióxido de carbono que libera a atmosfera. Unha factura que se duplicou no último ano e que fai que a Endesa lle resulte máis caro producir enerxía que estar parada. Nesta asemblea, os transportistas leron un comunicado en que piden unha transición enerxética menos prexudicial para os sectores afectados. Unha vez rematada a asemblea, o colectivo dividirase en tres para pecharse en tres concellos, neste das Pontes, no de Ferrol e no de Vilalba.

Os transportistas de carbón do porto exterior de Ferrol á central térmica das Pontes retoman as mobilizacións. Vai para cinco meses que están sen traballar, o mesmo tempo que hai que Endesa paralizou a actividade. A empresa ten que pagar os dereitos de emisión de dióxido de carbono, uns prezos que se dispararon no último ano, e por iso Endesa parou de producir con carbón, xa que din que non poden asumir estes custos.

Os transportistas do carbón, máis dun cento, xa non aguantan máis a situación, por iso decidiron pecharse nos concellos das Pontes, Ferrol e Vilalba. Reclámanlle ao Goberno central unha transición enerxética gradual e menos prexudicial para os sectores afectados. 

"Que compre quen queira comprar, pero isto ten que saír adiante dende o Goberno. Esa é a clave", asegura Manuel Bouza, presidente dos transportistas do carbón.

"Non é un motivo empresarial exactamente. Estamos cumprindo con todos os protocolos e tamén cos impostos, como a ecotaxa, ou con outros impostos que nos cargaron a nós para quitárllelos aos hidrocarburos. Isto penalízanos a nós e por iso estamos fóra do mercado, non é por outro motivo", afirma Luís Varela, presidente do comité de Empresa de Endesa.

Unha delegación dos 21 alcaldes das provincias da Coruña e Lugo que en xullo asinaron un manifesto de apoio aos transportistas do carbón desprazaranse este martes a Madrid. Alí reuniranse coa ministra de Transición Ecolóxica en funcións. A Teresa Ribera vanlle pedir medidas para que a maior central térmica de España poida seguir producindo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/09/2019