CRTVG

Buscar

Os transportistas do carbón levantan o bloqueo da central das Pontes tras alcanzar un acordo con Endesa

Publicado o 27/10/2020 11:34
Os transportistas do carbón levantan o bloqueo da central das Pontes tras alcanzar un acordo con Endesa

Ás 11:00 horas deste martes, 27 de outubro, os aproximadamente 20 camións que tiñan bloqueadas desde o pasado xoves a saídas da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez abandonaron a súa acción de protesta, tras chegar a un acordo coa compañía eléctrica.

A decisión tomouse en asemblea tras manter un encontro a tres bandas entre Endesa, representantes sindicais das empresas auxiliares e transportistas, que permitirán agora a retirada de dúas bombas da desulfuradora que non chegaron a instalarse no complexo na última reforma, para os grupos 3 e 4, tras solicitar o peche das instalacións.

Fontes de Endesa trasladaron que por parte da compañía comprometéronse a renovar de forma inmediata as probas con biocombustibles, repoñer as bombas se fose necesario no futuro e favorecer a contratación local de servizos e transportes de acordo a criterios de transición xusta e elaborar cos sindicatos unha listaxe de persoal de empresas auxiliares afectados polo eventual peche da central.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes, 'Cholo' Bouza, ratificou o levantamento do bloqueo, xa que "ás once saímos, pasamos pola avenida de Galicia, polo centro do pobo e desde A Casilla cada un para a súa casa".

Ademais, o colectivo está emprazado para as 17:00 horas deste martes a unha asemblea, no Cinema Aloví das Pontes.

"Logo a funcionar e a esperar que Endesa cumpra", engadiu o representante dos transportistas, que tamén destacou que "faltan por cumprir as promesas do Ministerio de Transición Ecolóxica e da Xunta".