CRTVG

Buscar

Os transportistas do carbón e as industrias auxiliares de Endesa levantan o bloqueo da central das Pontes

Publicado o 24/03/2021 20:54

Na xuntanza celebrada esta tarde participaron os sindicatos das industrias auxiliares, dos transportistas e unha representante do concello das Pontes. Nela acordouse aceptar as propostas da dirección de Endesa e abrir unha vía de diálogo. Estas propostas pasarían polo compromiso da empresa de contar cos transportistas de carbón para carrexar os materiais de graneis ou dos eólicos que cheguen ao porto de Ferrol, onde Endesa ten a concensión. Tamén, no caso do despezamento da central, os transportistas encargaranse de levar toda a ferralla.

"Puxeron por escrito que o transporte que a partir da agora teña Endesa dentro das súas instalacións será para os transportistas do carbón, e esa é unha das cousas que eu levo pedindo desde hai tempo, e conseguímolo. De momento, satisfeitos", di Manuel Bouza.

No caso das industrias auxiliares, a dirección de Endesa adquiriu o compromiso de manter a súa carga de traballo e de priorizar a contratación destes traballadores na transición entre o peche e o desmantelamento da central.

"Endesa desde o principio está cumprindo a palabra e agardemos que siga respectando ese acordo que temos e sobre todo o diálogo, que é o que fai falta para chegar a un acordo e non levar metidos aquí como levamos case tres semanas", sinala Nicaso Pena.

Con isto, as industrias auxiliares decidiron abandonar o peche indefinido que tiñan dentro das instalacións, mentres que os transportistas xa levantaron o bloqueo que mantiñan cos seus camións nas entradas da central desde o pasado cinco de marzo.

Noticias web

24/03/2021