CRTVG

Buscar

Os transportistas bloquean de xeito "indefinido" os accesos á central de Endesa As Pontes

Publicado o 05/03/2021 18:48
Os transportistas bloquean de xeito "indefinido" os accesos á central de Endesa As Pontes

 O colectivo de transportistas da central térmica de Endesa nas Pontes (A Coruña) iniciou un bloqueo "indefinido" do acceso ao complexo, confirmou o seu presidente, Manuel Bouza. A medida de presión comezou na noite do xoves como acción sorpresa ante o anuncio de peche das instalacións en xuño.

Dirixentes políticos e sindicais, as entidades empresariais da vila ou asociacións de pais de colexios sumáronse á iniciativa. Bouza asegurou que o corte "non se levantará" ata que a Xunta de Galicia, Ministerio para a Transición Ecolóxica e o grupo enerxético se reúnan coas partes afectadas pola clausura. Así, sinalou que en "case 2 anos non se avanzou absolutamente nada".

Do mesmo xeito, declarou que non "hai alternativas de emprego e industriais; non hai saídas para os transportistas do carbón e os traballadores dos auxiliares". Ademais, considerou que se "acaba o tempo" e valorou que se "as administracións non fan nada a planta pechará en xuño". "Non haberá marxe de manobra", advertiu.

Manuel Bouza apuntou que os concentrados carecen de "data para levantar a protesta" e mostrouse disposto a "seguir cortando os accesos ata que senten cos afectados" as partes implicadas. Sobre a firma privada, estimou que se "xoga ao desgaste" por parte da súa cúpula. Por iso, instou a compañía para garantir "traballo antes de aprobar o desmantelamento da planta".