Os trámites vencellados co falecemento dun ser querido comezan a ser presenciais, sempre con cita previa
O falecemento dun ser querido é sempre difícil de levar. Ao dó hai que engadirlle os trámites que son necesarios á hora de aceptar unha herdanza, unhas xestións que se complicaron ademais coa pandemia. Algúns deses trámites comezan xa a ser presenciais nos organismos oficiais, sempre con cita previa.
Aceptar unha herdanza e liquidar un imposto de sucesións, se xa adoitaban ser enredosos, complicáronse máis nestes tempos da covid-19. As actuacións presenciais destas xestións estiveron pechadas nos organismos oficiais, pero agora, sempre con cita previa, están comezando de novo a funcionar. Ademais, os prazos para facer eses trámites prorrogáronse.
"Desde que unha persoa falece temos 6 meses para facer a liquidación do imposto de sucesións, eses 6 meses quedaron prorrogados en marzo ata o 31 de outubro, e podemos pedir outra prórroga máis que hai que solicitar antes do 30 de setembro e prorrógase outros 6 meses máis", di Ana Camiño, avogada.
A maioría das xestións tamén se poden facer a través de Internet nas correspondentes sedes electrónicas dos organismos oficiais
"Con acceso a Internet e certificado dixital non deberiamos ter ningún problema. De feito, hai trámites que antes non se podían facer a través das sedes electrónicas, por exemplo, da Axencia Tributaria ou da Seguridade Social, que agora si se poden facer, están funcionando bastante ben, o que non está funcionando moi ben é a atención telefónica, aí si que imos ter problemas", asegura a avogada Ana Camiño.
Tamén podemos facer eses trámites a través da sede electrónica do Ministerio de Administracións Públicas, que actúa como Rexistro único, ou delegar nun profesional: un xestor, asesor fiscal ou avogado.
O mesmo ocorre se temos que solicitar unha pensión de viuvez. "Esa persoa beneficiaria desa pensión de viuvez pode facer o trámite a través da web con certificado dixital sen ningún problema, e achegando o certificado de defunción. Pode acudir tamén a un profesional ou facelo presencialmente, hai oficinas que xa están a funcionar, sempre con cita previa".
E ante estas xestións que adoitan resultar molestas, un último consello: "Non hai que estresarse, fagamos as cousas ben, pero sen apuro".