CRTVG

Buscar

Continúan os traballos de transvasamento do combustible do Blue Star

Publicado o 01/12/2019 15:11

Ás oito e media deste domingo retomábanse os traballos de transvasamento do fuel que aínda garda o Blue Star no seu interior, o buque tanque que encaiou hai nove días na ría coruñesa de Ares. Aínda que na zona había decretada unha alerta laranxa ata esta mañá pola presenza de ondas de ata seis metros, o mal tempo non afectou ao operativo, que se está a desenvolver con toda normalidade.

Xunto o Blue Estar permanece amarrado un remolcador contratado pola empresa encargada do rescate e,supervisando as tarefas, o buque de Salvamento Marítimo don Inda, encargado de actuar no caso de que se produza algunha vertedura de combustible ao mar.

Nos depósitos do quimiqueiro maltés hai 110 toneladas de combustible, das que no día de onte xa se conseguiron transvasar unhas cincuenta, que se trasladan en camións cisterna á planta de tratamento de residuos das Somozas. Os traballos de baleirado do combustible poden durar varios días, xa que a medida que se vai chegando ao fondo, o combustible é máis espeso e máis laboriosa resulta a súa extracción.

O que non deixa de fluír son os visitantes, que continúan achegándose a Ares a contemplar ao enorme buque atrapado nos penedos e que tamén amosan a súa preocupación polas posibles verteduras.

"A ver o barco. Causábame curiosidade"; "Sorprender, sorprende un pouco. Sobre todo ver que aínda ten o gasóleo e que non prevexan que se pasa algo vaia ao mar¨, comentaban algúns dos visitantes. Ou tamén: "Penso que polo estado no que está aínda é difícil sacalo de aquí", afirman outros.

Cando rematen os traballos de transvasamento do combustible, podería probarse un novo intento de reflotamento do buque.

Noticias web

01/12/2019