CRTVG

Buscar

Os traballadores rexeitan o informe de Alcoa para xustificar o ere

Publicado o 02/07/2020 18:33

Parcial, cheo de falsidades e sen ningunha intención de buscar solucións de futuro. Así cualifica o comité de empresa de Alcoa o informe presentado pola dirección, en que se ratifica na súa intención de despedir 534 empregados da factoría de San Cibrao.

Os representantes dos traballadores van solicitar o seu propio informe técnico para, aseguran, demostrar que parte dos argumentos de Alcoa están errados. Hoxe tamén estiveron presentes membros das empresas auxiliares.

"Non é un informe que nós vexamos moi 'limpo'. Máis ben está feito á medida da empresa. Faltan cousas moi importantes, moi concretas e que é preciso especificar."

"Nós puidemos estar presentes como asesores nas negociacións grazas aos sindicatos. Para poñer sobre a mesa a problemática das empresas auxiliares, que poderían ver despedidas 500 persoas."

Neste mes están previstas outras tres reunións, pero, a día de hoxe, o comité ve pouco probable que se poidan achegar posturas. Por iso, aseguran que van continuar coas mobilizacións para defender unha empresa e un sector que consideran estratéxico e esencial non só para a comarca da Mariña senón para o conxunto do Estado. Está previsto que os despedimentos se fagan efectivos o 24 de xullo.

Noticias web

02/07/2020