CRTVG

Buscar

Os traballadores esperan da reunión de hoxe algún sinal sobre o futuro de Alcoa

Publicado o 16/11/2020 10:39
Os traballadores esperan da reunión de hoxe algún sinal sobre o futuro de Alcoa

Os traballadores do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao confían en que esta tarde, no marco da mesa multilateral, se produza algún anuncio importante por parte do Goberno de España en relación co futuro da produción de aluminio primario na Mariña e, consecuentemente, coa continuidade da fábrica e dos seus propios empregos.

A mesa multilateral polo futuro de Alcoa reúnese, finalmente, despois de máis dun mes de espera por parte dos traballadores.

A última reunión da mesa multilateral tivo lugar o 6 de outubro, segundo confirmou o propio comité de empresa e, desde entón, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha resolución, tras avaliar as medidas cautelares solicitadas polos sindicatos, que lle prohibe a Alcoa apagar as cubas de electrólise na fábrica de San Cibrao.

Ademais, o alto tribunal galego fixou para o próximo 3 de decembro o xuízo pola demanda interposta polos sindicatos contra o proceso de despedimento colectivo formulado por Alcoa.

Á reunión desta tarde, que comezará ás 18:00 horas, foron convocados os dous ministerios, Industria e Transición Ecolóxica; a Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno, os sindicatos, o comité de empresa e a propia Alcoa.

Perda de competitividade ou decisión empresarial

Á espera de ver se finalmente a dirección da multinacional participa nesa reunión, nos últimos días Alcoa afirmou que "defenderá a súa posición" e manterá que "o despedimento colectivo é necesario", como consecuencia dos "factores estruturais permanentes que impactan na planta de aluminio de San Cibrao". Eses factores, segundo a empresa, "fixérona pouco competitiva" no mercado do aluminio.

Segundo Alcoa, a planta "perdeu 151 millóns de euros entre xaneiro de 2018 e o 30 de setembro de 2020".

En canto a esas supostas perdas acumuladas pola planta de aluminio desde 2018, o presidente do comité de empresa, José Antonio  Zan, afirma que son "mentira". Lembrou que Alcoa San Cibrao "é un complexo que naceu unido", de forma que as perdas que pode acumular nun momento dado a refinería de alúmina sufráganse cos beneficios da de aluminio e viceversa.

De feito, precisou que entre os anos 2008 e 2017, por decisión empresarial, a  alúmina estaba a "venderse por baixo do prezo de mercado", pero "o que se deixaba de gañar por esa parte", cubríase cos beneficios "da planta de aluminio".

O que sucedeu "entre os anos 2018 e 2019 é que o prezo da  alúmina triplicouse por un fallo nunha planta no Brasil", por iso é polo que subiron os custos de produción, pero aínda así, en conxunto, o complexo industrial "gañou 90 millóns de euros en 2018".