CRTVG

Buscar

Os traballadores esenciais lembran o medo das primeiras semanas da pandemia

Publicado o 23/10/2021 13:56

Cando as máscaras aínda non eran obrigatorias, cando as incógnitas gañaban por goleada ás certezas, os traballadores esenciais non fallaron. Os supermercados foron trincheiras. Tamara López é responsable de quenda nun supermercado da Coruña. Lembra que non tiñan medidas de protección e abastecemento dos primeiros días.

Para Karla, que é caixeira no mesmo establecemento, o máis duro foi o temor a contraer o virus e a contaxias a súa familia.

"Enfrontarse ao descoñecido. É como ir a unha guerra sen ter unha arma para defenderte", explica.

Agora que pasaron os meses e que teñen as armas, que moitas incógnitas están despexadas, fan unha lectura positiva. Tamara viu a cara máis humana dos seus compañeiros, Karla destaca o orgullo dos seus fillos e o sentimento de ser útil.

Ningunha esquece o agradecemento de todos os seus clientes, saberse máis visibles, traballadoras valiosas e valoradas, esenciais sempre.

Noticias web

23/10/2021