CRTVG

Buscar

Ferrol e Fene levan as súas demandas sobre Navantia ao Congreso

Publicado o 17/02/2021 20:50

Os representantes dos traballadores de Navantia en Ferrol e Fene, das súas industrias auxiliares e alcaldes da comarca reuníronse no Congreso cos grupos parlamentarios do PSOE, PP, Unidas Podemos e BNG.

Desde Ferrol alertan de que en marzo rematan o buque auxiliar para a armada australiana e non hai carga de traballo prevista ata que en 2022 empecen coa nova ragata F-110. Pero as súas peticións van máis aló.

Emilio García Juanatey, presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, explicou: "Estamos aquí para dicir que necesitamos carga de traballo xa, pero tamén para dicirlle á xente que temos un problema a medio prazo porque o noso estaleiro está quedando obsoleto. Necesitamos investimentos que fagan que no futuro volvamos ter a carga de traballo de hai 10 anos".

Desde Fene piden ademais que se diversifiquen os encargos, sobre todo en busca dos de maior valor engadido. 

Adela López, presidenta do comité de empresa de Navantia Fene, cre que "non nos podemos limitar a facer monopiles, que é unha construción de baixo valor engadido e é o que a dirección de Navantia nos di que imos ter os vindeiros 5 anos".

Os partidos escoitaron as súas demandas e comprometéronse a presionar o executivo para que as atenda.Tristana Moraleja, deputada do PP, dixo que "queremos un dique cuberto, que o estaleiro de Ferrol e Fene se modernice, que sexa un estaleiro do século XXI". Desde o BNG, Néstor Rego defend4e que "se deben converter os estaleiros de Navantia nun complexo industrial integral, que basee a súa actividade principal na construción naval, incluída a construción civil".

Tamén o grupo socialista se comprometeu a trasladarlle ao executivo as demandas dos traballadores para facer dos estaleiros de Ferrolterra unha industria competitiva á altura dos retos do século XXI.

Noticias web

17/02/2021