Os traballadores de Vestas escenificarán un velorio pola perda de postos de traballo
Os traballadores volven saír hoxe á rúa para reclamar unha solución ao peche da planta de aeroxeradores.
Escenificarán un velorio polos 115 postos de traballo que se perderán se pecha a planta de Viveiro. Non hai avances na negociación do ERE.
A empresa non dá marcha atrás e segue negándose a aprazar o proceso, mentres a mesa industrial busca unha saída ao conflito. Ofreceulles recolocar parte do persoal noutras plantas, pero non se fían, xa que din que non se concretaron as condicións dos traslados deses traballadores.
Hoxe tamén chega á sede da multinacional o traballador que percorreu en bicicleta a distancia entre Viveiro e a localidade danesa de Aarhus en protesta polo ERE. Será recibido polo director de operacións, ao que lle entregará a carta do persoal coas súas reivindicacións.