CRTVG

Buscar

Os traballadores de seguridade do Prat deciden en asemblea se poñen fin á folga

Publicado o 13/08/2017 14:00

Día decisivo para os traballadores de Eulen. Deben concretar se aceptan a proposta presentada pola Generalitat ou apostan pola folga total a partir do luns

Hoxe é o día decisivo, no que os traballadores de Eulen deben concretar se aceptan a proposta presentada pola Generalitat, consistente nun incremento salarial de 200 euros ao mes por doce pagas, ademais doutras melloras organizativas. A partir das seis da tarde, co reconto de votos, desvelarase a solución. A esa hora rematará a asemblea, convocada polo comité de folga, que comezaba ás once da mañá e que inclúe a votación dos operarios de seguridade.

Mentres, o Prat viviu unha xornada de total normalidade ao longo da mañá, só alterada ás cinco da madrugada, media hora antes de que comezara a primeira franxa de paro parcial. Pero despois abríronse todos os filtros de seguridade, coa presenza da Benemérita, e as reas despareceron en poucos minutos. O seguinte paro está programado para o treito que vai de catro e media a seis e media da tarde.

A atención céntrase na decisión final dos operarios de Eulen. Ou optan por aceptar o incremento salarial proposto ou pola folga total a partir do luns. Onte trascendía que a solución final parecía próxima, pero hoxe desde o comité de empresa fíltrase certo escepticismo. De feito, insinúan que se finalmente os traballadores se ven obrigados a cumprir o laudo do goberno, poderían convocar a folga por outro motivo. En definitiva, serán os propios traballadores os que decidan a solución co seu voto individual.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2017