CRTVG

Buscar

Os traballadores de Navantia saen á rúa para reclamar traballo no estaleiro

Publicado o 19/05/2021 14:29

En Ferrol, os traballadores de Navantia volveron saír á rúa este mércores. Remata a construción do buque AOR para Australia, e con el o traballo en obra nova no estaleiro. 

Os traballadores do sector naval e todos os cidadáns de Ferrolterra, Eume e Ortegal estaban chamados a secundar este mércores unha mobilización para demandar carga de traballo nas comarcas. A protesta partiu ás 9:30 horas desde o estaleiro de Ferrol e dan nunha volta á ría a pé, pasando polos municipios de Fene, Neda e Narón nunha marcha duns 15 quilómetros e unhas tres horas e media de duración. Unha volta á ría para visibilizar a falta de traballo á que se enfronta nos vindeiros meses. 

A finalización do buque AOR para Australia, que se entrega este xoves, deixa este centro sen ningunha obra en construción nova.  Coa súa marcha pérdense preto de 300 postos de traballo das empresas auxiliares.

"Maña parte para Australia o último buque Aor, a carga de traballo das auxiliares xa finalizou, agora é o momento de Eres e Ertes, situación moi complicada", Emilio García Juanatey, presidente do comité de empresa Navantia Ferrol.

Ademais, os traballadores reclaman coñecer en que fase se atopa a posible venda do buque loxístico Patiño da Armada Española á Armada de Portugal e se iso levaría a construción dun buque substituto.

Ata o verán do 2022 non se comezará a construción de cinco fragatas da armada española. Sobre outros proxectos previstos, a Xunta esixelle ao goberno que cumpra os seus compromisos.

"Había un compromiso claro de carga de traballo a través da construcción dun buque de almacenamento loxísitico, ese compromiso estase incumprindo", Francisco Conde, vicepresidente económico da Xunta.

Os traballadores denuncian que nos últimos anos perdéronse nos estaleiros da comarca 1.800 postos de traballo.

Noticias web

19/05/2021