CRTVG

Buscar

Os traballadores de Navantia-Ferrol reuníronse con Francisco Conde para garantir a súa competitividade internacional

Publicado o 18/06/2021 16:18

Os traballadores de Navantia-Ferrol seguen a demandar carga de traballo para o estaleiro ferrolán. Hoxe reuníronse co conselleiro de Industria para avaliar as prioridades do estaleiro co fin de garantir a súa competitividade internacional e ter visión de futuro.

Francisco Conde analizou cos membros do comité de empresa de Navantia-Ferrol as necesidades urxentes do estaleiro ferrolán para garantir o seu futuro. Necesidades que fixaron en tres prioridades: a modernización e a transformación do estaleiro, garantir carga de traballo e un plan de formación para a recualificación dos profesionais do naval para competir no eido das novas tecnoloxías e as necesidades industriais.

Un plan de formación que a Xunta se comprometeu a poñer en marcha pero para o que é necesario que o Goberno Central e a propia empresa se senten á mesa para fixar esas prioridades. Un mes despois, Conde salientou que seguen esperando unha resposta ao pacto de Ferrol presentado pola Xunta de Galicia.

"Chegamos á conclusión da necesidade de que haxa unha resposta por parte do Goberno e de Navantia, precisamente, para atender as necesidades vencelladas á transformación do estaleiro e á carga de traballo. Nós o que esperamos é que o Goberno responda á proposta do pacto de Estado por Ferrol", asegurou.

Noticias web

18/06/2021