CRTVG

Buscar

Os traballadores de Navantia Fene e Ferrol e os de Poligal piden carga de traballo

Publicado o 25/04/2019 21:01

Os empregados de Navantia fixeron paros de dúas horas en cada quenda de traballo nos estaleiros de Ferrol e Fene, e manifestáronse ata a ponte das Pías, onde cortaron os accesos á cidade de Ferrol. Canda eles ían traballadores da industria auxiliar, e uníronse tamén os de Poligal, unha empresa de plásticos en concurso de acredores.

O cadro de persoal de Navantia inicia así un calendario de protestas para reclamar máis carga de traballo a curto prazo, tendo en conta que a construción das fragatas F-110 non empezará ata 2021 e que Navantia pretende desviar a Puerto Real unha parte da construción eólica prevista, co que calculan que se perderán uns 3.000 empregos directos.

Javier Galán, o presidente do comité de empresa Navantia-Ferrol, di: "Entendemos que a carga de traballo é de Navantia pero non entendemos que se hai unha parada de dous anos sen carga de traballo para a industria auxiliar en Ferrol, que a quinta unidade se vaia para Puerto Real".

Os traballadores do naval levaron tamén a súa protesta ata o concello de Ferrol, onde se celebraba un pleno ordinario en que insistiron en reclamar garantías de futuro para os estaleiros de Ferrol e Fene.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/04/2019