CRTVG

Buscar

Os traballadores de Navantia acordan retomar as mobilizacións

Publicado o 30/10/2019 17:28

O portavoz do comité de empresa de Navantia Ferrol, Miguel Pol (CC.OO.), denunciou que "en seis meses" o estaleiro estará "nunha subactividade case total ata o ano 2022" debido á falta de carga de traballo. Por este motivo, aprobaron en asemblea xunto cos traballadores a industria auxiliar "un novo calendario de mobilizacións", que comeza este mesmo mércores cunha recollida de firmas e que inclúe mobilizacións o 12 de novembro e o 7 de decembro . Así o trasladou o representante da parte social nunha rolda de prensa realizada ás portas do estaleiro ferrolán.

Unha das protestas será ante a Xunta para reclamar reunirse "co seu máximo responsable", mentres que tamén convocarán "unha gran mobilización comarcal, na que van confluír diferentes empresas, todas ao redor de Navantia", para a que aínda non hai data. "Imos reclamar a construción dun buque que permita evitar o desemprego, a diversificación", sinalou, ademais de apostar pola "fábrica de turbinas e pola área de carenas". T

Tamén acusou a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), único accionista da empresa, e á dirección de Navantia, "de ter paralizado o proxecto de Estaleiro 4.0". "Non se está sendo xusto con esta comarca, non se están realizando os investimentos que estimamos que son precisas e que imos pasar por unha paralización de dous anos sen carga de traballo", sinalou, o que suporía "retornar ás porcentaxes de paro inasumibles"

A preguntas dos medios sobre o proceso para incorporar a novos operarios e que a empresa naval pública ten aberto, o representante sindical lembrou que "está atrancado", pero que esperan "que se solucione en breve". "Está a ser un proceso bastante complexo, xa que conflúen moitas sensibilidades, entendemos que se está atascando dunha forma inasumible, pedimos a máxima transparencia posible, tal e como xa estamos a facer", insistiu, polo que pediu á dirección que "se poña en marcha xa coa transparencia e igualdade de oportunidades en todo o proceso". Por último, o delegado dos traballadores quixo deixar unha mensaxe clara aos responsables de Recursos Humanos de Navantia, xa que "se non se desatasca en breve", deixarán en mans da prensa "os motivos da paralización desta convocatoria".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/10/2019