Os traballadores de Ence esixen a convocatoria inmediata da mesa de diálogo
Os traballadores de Ence cortaron varias rúas no centro de Pontevedra logo da reunión que mantiveron esta mañá o comité de fábrica coa subdelegada do Goberno.
Despois da reunión, de máis dunha hora, os seis membros do comité de fábrica transmitiron o seu malestar e frustración aos máis de 150 traballadores de Ence concentrados ás portas da Subdelegación do Goberno.
Explican que Maica Larriba os emprazou a principios de setembro para retomar o diálogo. Un prazo que non aceptan os traballadores e esixen a convocatoria da mesa de traballo na maior brevidade para dar solución ao futuro da empresa.
"Queremos unha convocatoria inmediata desa mesa de diálogo porque vemos que a decisión xudicial deixa uns prazos moi curtos. O que queremos é unha garantía de futuro e continuidade para os nosos postos de traballo, e isto é o que defende este comité. A administración central emprazounos para os primeiros dez días do mes de setembro e consideramos que non podemos agardar máis tempo", engade Pablo Bacariza, secretario do comité de fábrica de ENCE.