CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa intensifican as protestas e anuncian folga indefinida

Publicado o 29/09/2020 20:56

• Mil traballadores, tanto da planta de aluminio como a de alúmina, convocados a un paro indefinido dende o domingo 4

Os traballadores de Alcoa manteñen a loita para evitar o peche da factoría. Apoiados polos operarios das empresas auxiliares cortaron os dous accesos principais á planta e despois prendéndolle lume ao cartel.

En poucos minutos foi devorado polas lapas. Despois decidiron en asemblea bloquear a saída de aluminio da factoría."Está claro que de aquí non pode saír material mentres están propoñendo matar unha comarca enteira e acabar coa nosa vida laboral", di José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa.

"Estamos deixando só os servizos mínimos e o transporte de meradorías para descargar. Non vai saír ningún camión cargado con material da factoría", asegura Enrique Rocha, portavoz das empresas auxiliares de Alcoa.

O que si van permitir é a entrada de materia prima na factoría para manter a actividade produtiva.
Á Administración central e mais á da Xunta pídenlle que manteñan a presión sobre a Alcoa para que acceda á venda da planta. E se non muda de postura, o que queren é que o Goberno central interveña a factoría para evitar a parada das cubas.

"Dixeron que non ían a permitir que parasen as cubas electrolíticas, esperamos que o Goberno, co presidente Sanchez á cabeza, colla o touro polos cornos e cumpran a súa palabra e non permitan que Alcoa pare as cubas electrolíticas", afirma José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa.

Se a situación non varía, os traballadores comezarán unha folga indefinida na fábrica.

Feijóo non descarta a intervención

Da situación de Alcoa falou o presidente da Xunta. Núñez Feijóo defende o traballo conxunto entre Xunta e Goberno central para conseguir a venda da compañía. Di ademais que non se desbota a intervención da empresa para salvar os empregos.

Noticias web

29/09/2020