CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa protestan: "Fóra ianquis, cuadrilla de mangantes"

Publicado o 28/09/2020 19:14

Medio cento de traballadores da planta de aluminio primario de San Cibrao concentráronse ante o pazo de Cea, en Nigrán, onde están reunidos directivos de Alcoa e sindicatos, para reivindicar o mantemento do seu emprego con consignas tales como "fóra ianquis, cuadrilla de mangantes", "queremos traballar e non emigrar" e "se non hai solución, Goberno dimisión".

Son tantos os empregados como os efectivos da Garda Civil despregados na zona, nunha xornada tensa que arrincou ás nove e media da mañá deste luns coa última reunión da mesa multilateral na que se constatou que a propietaria da planta non quere vender a Liberty House, que era un potencial comprador, e tampouco á Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI).

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, lamentou nesta segunda convocatoria, que aínda prosegue, que Alcoa condicionase a "despedimentos asinados" a ampliación dun hipotético entendemento coa SEPI para unha eventual transacción sen que diso tivese constancia algunha o persoal.

"Non se pode negociar deste xeito", recriminou Zan, e engadiu que, se é preciso, haxa unha intervención, tendo en conta que a autoridade laboral, dixo, xa remitiu dous requirimentos a Alcoa para que deixe a "mala fe".

Na reunión de Nigrán hai un único punto na orde do día, que é a negociación das condicións para aplicar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) e, no caso de que non haxa acordo entre as partes, a aplicación dun ere, que podería afectar 534 traballadores da fábrica, así como aos empregados das compañías auxiliares.

É por iso que o comité de empresa segue reclamando ao Goberno de España que, chegado o caso, interveña a fábrica mariñá para evitar o seu peche, pois cren que a proposta de Alcoa pasa por realizar unha "hibernación ordenada das cubas de electrólise", unha "liña vermella" que este órgano non está disposto a traspasar.

Os representantes dos traballadores lembran que as cubas de electrólise son o verdadeiro "corazón da fábrica", de modo que a súa parada supoñería a "morte" do complexo industrial.

É máis, o comité insiste en que calquera acordo debe cimentarse sobre a premisa "de manter o 100% da produción" e, consecuentemente, dos postos de traballo.